Reportaxes

Arqueoloxía da guerrilla nos vales de Casaio

O proxecto Sputnik Labrego realizou unha campaña arqueolóxica no mes de xullo na chamada «Cidade da Selva», aos pés do monte Pena Trevinca, un dos principais campamentos da Federación de Guerrillas de León-Galicia


A campaña da escavación arqueolóxica estivo composta por un total de sete persoas entre os que ademais de arqueólogos tamén houbo antropólogos, historiadores e dous membros da Xunta Veciñal de Casaio. O proxecto foi impulsado polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), pertencente ao Consello Superior de Investigaciois Científicas (CSIC), e a Comunidade de Montes de Casaio-Lardeira, e estivo dirixido durante toda a campaña polo historiador Alejandro Rodríguez e o arqueólogo Carlos Tejerizo.

Chozo empregado polos guerrilleiros como vivenda na Cidade da Selva

A nosa historia esquecida

A pretensión do traballo realizado foi o de estudar e recuperar os restos dun dos principais campamentos que durante os anos 40 utilizou a guerrilla antifranquista nos montes de Casaio, nunha zona á que os guerrilleiros denominaron Cidade da Selva. Como explicaron os seus promotores nunha recente charla informativa, as escavaciois queren «achegar información que poida aclarar un período moi conflitivo e traumático da nosa historia recente. Tamén pretendemos recuperar unha memoria e historias que cremos esquecidas, que axuden a resaltar os valores democráticos e a dignidade dos protagonistas destas historias e das súas familias». Como indicou o arqueólogo Tejerizo, o obxectivo principal desta investigación «é coñecer esa parte da historia que non sae na documentación».

O refuxio de «Bailarín»
Entre os obxectos que recuperaron nos chozos dos guerrilleiros se poideron atopar dende munición ou obxectos da vida cotiá, ata restos de mobiliario ou de alimentos. Vestixios do que foi «a vida cotiá das persoas, qué comían, por onde ían, que tipo de roupas levaban, de onde sacaban as armas, etc.». Catro dos chozos estudados atopábanse no val de Morteira e un máis no bosque de O Teixadal, onde Manuel Álvarez Arias “Bailarín”, guerrilleiro de Casaio moi vinculado a Cabreira, refuxiábase aiquí por longas tempadas. Cóntase que o alcume de “Bailarín” tíñao por gañar unha proba de baile na Baña.

Acta do VI congreso da Federación de Guerrillas León-Galicia celebrado na Cidade da Selva

Tejerizo explicou na conferencia que para este labor de investigación e documentación «é imprescindible a implicación dos veciños de Casaio xa que sen eles sería imposible situalos e chegar ata onde están». O arqueólogo finalizou a súa intervención resaltando que unha vez terminada a campaña o obxectivo é terminar de facer o mapa dos sitios que hai nos vales de Casaio e que os veciños tomen unha decisión do que se fai co achado. «Dende un espazo musealizado, á posta en valor destes sitios, hai unha infinidade de posibilidades».

Un asentamento de máis dunha década

Outros documentos internos da guerrilla

A Cidade da Selva serviu de epicentro da Federación de guerrillas León-Galicia durante máis dunha década. Xa dende os comezos da Guerra Civil en xullo de 1936, os montes de Casaio comezaron a encherse de guerrilleiros e represaliados do franquismo, converténdose nun destacado lugar da resistencia antifranquista. Foi un lugar clave desta resistencia armada contra a ditadura, chegando a controlar boa parte do noroeste da península ibérica. Dende aiquí articulouse toda esa resistencia, que pode incluírse historicamente dentro da resistencia europea xurdida contra o fascismo na primeira metade dos anos 40. Dende este lugar organizaron a guerrilla durante máis de dez anos, tanto durante a guerra como despois dela. A supervivencia destes guerrilleiros non sería posible sen o apoio que en segredo lles deron moitos veciños de Casaio e Lardeira, así como doutros pobos cabreireses próximos como Forna ou La Baña. Ata cincuenta persoas da zona foron incluídas dentro de procedementos militares por axudar a estes grupos guerrilleiros. Os campamentos foron finalmente queimados e borrados da paisaxe no ano 1946 pola Garda Civil.

Vídeo presentación do proxecto na zona dos montes de Casaio

Fotografías: Sputnik Labrego

Un comentario en «Arqueoloxía da guerrilla nos vales de Casaio»

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.