O Barco prepárase pa acoller unha nova edición do SilFest, referente cultural do noroeste
Durante tres días, a partir do mércores, a vila valdeorresa converterase no epicentro da música e a cultura da comarca
A vila do Barco prepárase pa recibir unha nova convocatoria do SilFest Valdeorras, que chegará á súa novena edición cunha proposta que vai ben máis alá do puramente musical. Dende este mércores, a Praza Maior será o punto de partida dunha celebración de tres días que consolidará ao Barco como un dos principais destinos culturais e turísticos do noroeste da Península.
Os responsables do festival insisten en que a súa filosofía diferénciase do resto d’eventos similares. «Non queremos ser como os demais. O SilFest é moito máis cun festival, o SilFest é experiencia», afirman dende a organización, que busca crear unha alternativa emocional e cultural fronte aos grandes festivais masivos.
A programación musical desta edición contará con actuacións de grupos como Heredeiros da Crus, Biznaga, Repion e Kokoshca, pero tamén dará protagonismo ao talento da terra con propostas como Mrs. Fine, ScaLa, Pándega e Nerea Jiménez, que subirán aos escenarios principales.
O evento trasciende o ámbito musical pa ofrecer unha experiencia integral que inclúe catas e degustacións gastronómicas, sesións de maquillaxe temática, actividades d’ocio como rutas en kaiaks polo río Sil e as xa tradicionais sesións de música electrónica. Entre as actividades máis especiais desta convocatoria destacará o showcooking que realizará o chef Jose da Gastroteca Salvaxe de Santiago, nunha colaboración con Vibra Mahou.
A programación incorpora tamén un forte compromiso social. O xoves 3 de xullo, o Teatro Lauro Olmo será sede dunha conferencia musical centrada na relación entre música e violencia de xénero, que levará por nome «O que sona ben, non sempre é amor». Esta iniciativa realízase en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais do Concello do Barco.
A dimensión familiar do evento materialízase no MiniSilFest, unha programación específica dirixida aos máis novos. Os organizadores consideran fundamental transmitir dende a infancia valores como o coidado do medio ambiente, a sustentabilidade e o amor pola música e a cultura.
A celebración do SilFest é posible grazas ao apoio de diversas institucións e entidades. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e no marco dos Concertos do Xacobeo, o Concello do Barco de Valdeorras, a Deputación d’Ourense, o patrocinador principal Vibra Mahou, o C.R.D.O. Valdeorras e numerosas empresas locais fan posible esta convocatoria.
Os interesados en coñecer todos os detalles da programación poden consultar as redes sociais e os canais oficiais do festival, que ano tras ano se consolida como unha das citas culturais máis importantes do noroeste peninsular, ofrecendo ao Barco unha proposta diferenciada que combina música, cultura, gastronomía e compromiso coa sociedade.